O libro está publicado en castelán.
ALFREDO MARTÍN GARCÍA. Auxe e decadencia. Desenvolvemento económico, cultural e educación en Ferrolterra durante o Antigo Réxime.
Partindo da realidade demográfica, social e económica da comarca ferrolá no Antigo Réxime, o autor aborda o estudo do seu universo cultural e fai especial fincapé nas transformacións alcanzadas no século XVIII, despois da creación dos arsenais da Coroa.
ISBN: 978-84-95892-72-0
Páxinas: 402
17 × 23 cm.
Fundación Pedro Barrié da Maza
CURRÍCULUM:
Alfredo Martín García (Ferrol, 1972) é licenciado en Xeografía e Historia pola Universidade de Santiago de Compostela e doutor en Humanidades (Área de Historia Moderna) pola da Coruña. Na actualidade exerce como profesor na área de Historia Moderna da Universidade de León.
A súa actividade investigadora tomou como punto de partida o estudo da historia da poboación, máis concretamente o mundo dos movementos migratorios. A súa tese doutoral, defendida no ano 2001, tivo por obxecto a análise das peculiaridades demográficas de Ferrolterra durante o Antigo Réxime, facendo especial fincapé nas transformacións vividas por aquela comarca en pleno século XVIII, co nacemento dos arsenais de Ferrol. Xunto á demografía histórica, nos últimos anos penetrouse noutros campos de estudo caso da historia social, a historia militar ou a historia da cultura e as mentalidades, participando en diferentes proxectos de investigación financiados por entidades públicas e privadas. O seu labor en todos eses ámbitos frutificou na publicación, até a data, de cinco libros e varias decenas de artigos en revistas especializadas, así como dun número significativo de relatorios e comunicacións en diferentes congresos nacionais e internacionais e de varios capítulos en obras colectivas.
RESUMO:
Os avances das últimas décadas permitiron coñecer dun modo bastante axustado os cambios operados no Ferrol do século XVIII desde unha perspectiva demográfica, social ou urbanística. Con todo, noutros aspectos, -o mundo económico ou o das mentalidades e a cultura- Ferrolterra segue aparecendo como un espazo pouco coñecido a nivel galego, a pesar das súas peculiaridades, que fan especialmente interesante o seu estudo.
Este libro pretende abrir o camiño para o desenvolvemento de novos enfoques sobre aquela realidade. A obra parte da análise das transformacións e pervivencias da estrutura socioeconómica da comarca tras a erección dos impoñentes arsenais a mediados do XVIII. Seguidamente analiza a configuración da destacada rede manufacturera creada na contorna ferrolá ao socaire deses novos tempos, facendo especial fincapé no papel xogado polos reais estaleiros de Ferrol na política de reconstrución naval auspiciada pola Coroa. Finalmente, e unha vez constatados os cambios a nivel social e económico na contorna máis inmediata da nova capital de departamento, penétrase no estudo da realidade cultural daquel novo centro urbano e da súa posible influencia na súa hinterland. Para este primeiro achegamento á realidade cultural de Ferrolterra o autor céntrase, fundamentalmente, no estudo da rede educativa, contrapondo o dinamismo observado na cabeceira da comarca coas carencias dun ámbito rural marcado pola tradición.
FERROL HISTÓRICO
LEER EL ÍNDICE Y EL PRÓLOGO DE AUGE Y DECADENCIA, de Alfredo Martín