imágotipo de Mercado Galego
Castellano | Galego
Buscador

Klásicos Autor: Marcelino Fernández Mallo

Klásicos Autor:  Marcelino Fernández Mallo


Precio final: 12,00€

Klásicos Autor: Marcelino Fernández Mallo.

Klásicos conta a historia dun grupo de homes novos que gozan dunha vida regalada. Un deles, Horacio, vai casar coa filla dun rico industrial. O escenario complícase polo homicidio involuntario que comete Horacio cando intenta bicar a asistenta, unha muller que sempre lle recordou a Marilyn. A partir de aí sucédense estraños acontecementos que colocan o protagonista nun vieiro sen aparente retorno.
Klásicos é un thriller psicolóxico con altas doses de retranca e crítica social. Mantén a intriga sobre o que está a suceder ata o desenlace final namentres describe, e faino mordazmente, as clases altas e as segundas xeracións das familias dirixentes.
Sendo home de ciencias, Marcelino Fernández Mallo leva escrito máis dun cento de artigos e colaboracións en diversas publicacións galegas e españolas, así como o libro De la peseta al euro. A súa presenza é frecuente en medios de comunicación como a Radio Galega, Xornal de Galicia ou Vieiros. En 2005 debutou na narrativa cos relatos recompilados en Cabilia, mentres que A trenza, publicada en 2008, é a súa primeira novela. O autor é tamén un economista que participa en moitos foros, e mantén a bitácora persoal atrenza.blogaliza.org.

Klásicos
Marcelino Fernández Mallo
ISBN: 978-84-963460-5-9
210 páxinas, 12 €


Comezo do libro:
I. TRABALLOS, OCUPACIÓNS

Chegara inquedo, desacougado e cabreado. Ademais, non esperaba atopala. En realidade, non sopesara sequera a posibilidade de ela estar no apartamento, aquela elevada posibilidade de ela estar no apartamento. Limpando. Porque de ela estar no apartamento, estaría limpando.
Nunca lle interesara o horario dela. Tampouco a calidade do seu traballo nin o grao de cumprimento das súas obrigas laborais. Manuela limpaba o seu apartamento porque a nai o cominara a ter unha muller que lle limpase o apartamento. Punto redondo. A nai chamara a axencia, a axencia mandáralle catro candidatas, das catro apareceran tres e el escollera a Manuela porque se lle pareceu a Marilyn.
(Manuela recordoulle a Marilyn dende o primeiro momento.)
Puido escoller unha rapaza máis nova, Inma se chamaba, pero mascaba chicle. Inma, suposta abreviatura de Inmaculada. E Horacio non aturaba as rapazas que mascaban chicle.
Inma era bastante máis nova pero iso pouco lle importaba, a Horacio. Horacio apenas prestaba atención ás diferenzas xeracionais. O do chicle era distinto. Dáballe a impresión de que ao mascar chicle, a saliva terminaría por tornarse pegamento. Como relacionarse con alguén que che podería cuspir cola en calquera momento? Con alguén cuxo alento podería quedarche estampado na faciana?
Horacio liscaba das mulleres que mascaban chicle. Das que mascaban chicle e tamén das de pelo fácil, das bigotudas. Non lle gustaban nada a Horacio as mulleres con bigote. Tampouco non lle gustaban as mulleres de pés planos, nin as que abusaban da xoiería dourada, nin as de cu baixo, nin as cargadas de ombreiros, nin as que falaban con voz de pito nin as de cadeira excesivamente ancha. Prescindía ademais das que chantaban as unllas no lombo ás primeiras de cambio e das que ulían a alcanfor.
(Horacio odiaba esas colonias pesadas que amazocan os ambientes.)
Entre todas as mulleres, as que menos o atraían eran as de pelo fácil. Ante unha muller de pelo fácil, nin movía un dedo.
Horacio era un home a un sorriso pegado, unha frase fácil pero acertada. Non sempre por máis elaborado un acerta en maior medida. Horacio era un home a un sorriso pegado. A cousa estaba en atopar aquel sorriso espléndido porque estampado nel, detrás del, axiña aparecería Horacio. O sorriso de Horacio éralle tan propio e natural a Horacio coma o seu nariz, incluso máis. Calquera que coñecese a Horacio identificaríao polo seu espléndido sorriso de triunfador.
(Algúns fixaríanse, así mesmo, no seu pelo abondoso e brillante.)
Exhibía o seu sorriso, Horacio, as 24 horas do día coma un trofeo persoal, como se fose un don único que ninguén máis posuíse. Camiñaba polas rúas, entraba nos comercios, ceaba nos restaurantes, bailaba coas chatis, falaba cos amigos, escoitaba os pais… sempre armado co seu sorriso imperturbable, espléndido e perenne. Si, tamén cando escoitaba os pais.
Non as vintecatro horas, claro! Exhibíao cando era consciente de estar inmerso nunha posición con certa dose de sociabilidade. Daquela, brandía o seu sorriso espléndido. Ou sexa, con tal de estar esperto. Así espertaba, abría Horacio o sorriso de par en par, como a porta dun garaxe. Calquera diría que precisaba amosar ao mundo aquel fenómeno facial, incomún e extraordinario, que se mantiña impertérrito mesmo nun accidente, nunha visita ao doutor, nun velorio! Era a mellor maneira de amosar a súa dentadura, dende logo, pero tamén de agochar o que lle importaba o accidente, a visita, o velorio.
Precisar non o precisaba, amosar ao mundo aquel fenómeno facial e incomún (se é incomún xa é extraordinario). Non chegaba a ser unha necesidade imperiosa. Disque nun estado de desnutrición aguda se esquecería de sorrir. Na suposta pirámide horaciana de necesidades de Maslow, o sorriso ocupaba un posto intermedio entre o amor e a cultura, por exemplo. Ou mellor, entre o recoñecemento social e o amor. Si, posiblemente o seu sorriso lle resultaba máis perentorio có amor pero menos có recoñecemento social. Ou sexa, renunciaría antes ao amor que ao seu sorriso.
Cando se fala de amor non se quere falar de sexo, necesariamente. Tampouco de xogos floridos nin de danzas preamatorias. O sexo, para Horacio, estaba por riba da cultura, do amor e do recoñecemento social. Ocupaba un posto elevado na pirámide horaciana de necesidades de Maslow. Ao nivel do abrigo, por exemplo. Se tivese que elixir, dubidaría entre os dous sacrificios, Horacio. O pasar frío e o pasar sen sexo. Calquera tipo de sexo, o heterosexual ou o unisexual. Calquera tipo dos tipos asumidos, por Horacio, de sexo.
(Cando falaba de amor, un nunca sabía do que falaba, Horacio.)
Horacio sorría as 24 horas, ou sexa, todos e cada un dos instantes nos que era consciente de estar consciente. Se non había ninguén ao seu redor, sorría como ensaio. Unha sorte de adestramento.
Con Manuela a cousa funcionaba doutra maneira. Con ela sempre se encontraba a soas, sen ninguén arredor. Mesmo así debía sorrir para manter a coherencia. E porén, con Manuela esquecía sorrir.
(Escollera a Manuela porque lle recordara a Marilyn dende o primeiro momento.)
Durante o ano que levaba traballando no apartamento, Manuela, víanse cando menos unha vez á semana. Ás veces, dúas. Ou sexa, cando menos unha vez á semana. Horacio adoitaba facerlle breves comentarios, algunha pregunta persoal, sempre tratándoa de “vostede” como lle indicara a nai.
“Nada de confianzas.”
E Manuela respondía tamén breve e cortés.
“Como lle puxeron Manuela, ese nome?” “Vén da familia.” “Non preferiría traballar noutra cousa?” “Xa estou afeita.” “Podería facer, por exemplo, de secretaria.” “Aviar casas non é tan malo, alguén o ten que facer.” “E logo está casada?” “Estou.” “E ten fillos?” “Unha filla.” “Este ano parece que se adianta o inverno.” “Aínda queda.” “De seguro que a súa filla se lle parecerá?” “Ten dos dous.”
Ás veces a secuencia era máis curta, outras máis longa. Mesmo en ocasións Horacio detíñase un intre, antes de continuar:
“E onde lle traballa o home?” “Na emigración de Canarias.” “E que fai a filla mentres vostede anda nas casas?” “Vivimos coa miña nai.”
Con Manuela non utilizaba máscaras nin maquillaxe, Horacio. Con Manuela pensaba en Marilyn, Marilyn limpando na súa casa. E tamén en The Marilyn conspiracy, by Milo Speriglio.

MANUAL DE DOCUMENTOS ADMINISTRATIVOS DA UNIVERSIDADE DA CORUÑA

GALEGO

GALICIA

Empieza a leer A TRENZA

Danos tu opinión sobre A TRENZA

MARCELINO FERNÁNDEZ MALLO


CENTRAL LIBRERA


Artículos Relacionados


Añadir comentario

Comentarios para 'Klásicos Autor: Marcelino Fernández Mallo'

No hay comentarios

Cesta de la compra

Num. de artículos: 0
Total €: 0,00€

Pendentes (191)

Feito a man. Prata, acibeche, ouro e coral.

ELOY GESTO-ORFEBRE-ARTESAN

100,30€

Comprar Pendentes (191)

Combi Deseño Smeg 3...

Combi deseño Smeg 308 litros "anos 50".

GALICHIP

2.299,00€ 2.033,47€

Comprar Combi Deseño Smeg 3...